top of page

EcoLab.gal, o Laboratorio galego de ecocrítica, é un colectivo interdisciplinario de investigadores en rede que reúne estudantes nas súas diversas fases formativas (grao, mestrado, doutoramento) e persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, investigadores doutras universidades do sistema universitario galego, así como de universidades e centros de investigación nacionais e estranxeiros.

 

EcoLab.gal nace coa vontade de dar resposta aos investigadores con inquedanzas interdisciplinarias no ámbito das relacións entre natureza, ciencia, ecoloxía, linguas, literatura, arte e cultura. Neste sentido, procura acadar os seguintes obxectivos:

 

  • Apoiar o traballo interdisciplinario desenvolvido polos investigadores adscritos;

  • Introducir este tipo de contidos no ensino de grao e mestrado (xa está en marcha dende 2016-2017 a materia de grao G5041611);

  • Formar novas promocións de especialistas en sostibilidade;

  • Investigar historias medioambientais a través de contextos disciplinarios, académicos e culturais;

  • Desenvolver colaboracións con organismos públicos e privados;

  • Colaborar con artistas, comunidades e empresas para crear campañas medioambientais estratéxicas;

  • Concursar a fontes de financiación de organismos públicos e privados.

EcoLab.gal, en definitiva, procura pensarmos os desafíos medioambientais contemporáneos —en e dende Galiza— a partir do presuposto de que estes desafíos son tanto culturais e políticos coma científicos e tecnolóxicos. En función da localización da USC, os membros de EcoLab.gal pensan o futuro do medio ambiente e da súa conservación nos seus vencellos cos problemas de equidade e xustiza.

© 2017 Universidade de Santiago de Compostela 

Tel: 881811771| Fax:  881811750

bottom of page