Laboratorio galego de ecocrítica
As investigadoras de EcoLab.gal promoven estruturas flexíbeis e colaborativas para o desenvolvemento de proxectos concretos que poñan en comunicación a academia coa sociedade civil co obxecto de promover a reflexión sobre o medio ambiente e a súa conservación nos seus vencellos cos problemas de equidade e xustiza en Galiza
Proxecto 1. O legado MAN
Coa sinatura dun Convenio-Marco de Colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Museo Man de Camelle o 24 de marzo de 2017 –a acta fundacional de EcoLab.gal– inicia a súa andaina o primeiro proxecto do Laboratorio: o estudo do legado MAN. O proxecto ten por obxectivo organizar, clasificar e analizar o legado documental, depositado no Museo Man de Camelle, que fará posíbel outra comprensión do proceso persoal e artístico que levou a transformación de Manfred Gnädinger en Man de Camelle. A súa obra artística posúe vencellos coa land art, a arte povera, a arte efémera e, en xeral, as correntes da arte contemporánea nas que paisaxe e obras de arte están estreitamente relacionadas.
Fondos: 0€
Proxecto 2. Dicionario galego de ecocrítica
Malia ser unha disciplina que conta cunha historia de a penas tres décadas, a ecocrítica ten xenerado un rico léxico técnico. Ante a inexistencia dunha ferramenta léxica en galego, o Laboratorio procura dotar ao noso país dun Dicionario galego de ecocrítica en liña que, á súa vez, faga visíbel a rica tradición galega neste ámbito. Pénsese, por exemplo, no caso do vocabulario sobre a paisaxe construído por Ramón Otero Pedrayo ao longo da súa obra.
Fondos: 0€
Proxecto 3. Historia literaria da destrución natural
Quizabeis unha das dimensións máis chamativas de inconsciencia medioambiental por parte da ecocrítica sexa a ausencia dunha reflexión sobre a propia pegada ecolóxica da literatura no seu sentido etimolóxico (lat. littera), isto é, en canto texto verbal e/ou iconográfico inscrito nun soporte (papiro, pedra, arxila, pel, papel) e a súa circulación. O Laboratorio celebra apoiar esta nova iniciativa a nivel mundial.
Fondos: 0€